III Premios de Investigación Epifanio Campo
A Universidade da Coruña (UDC) e o Grupo Rodonita, convocan, a través da Cátedra Epifanio Campo, adscrita á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), os III Premios de Investigación Epifanio Campo.
As persoas solicitantes terán que estar incluídas no Catálogo de Investigación da Universidade da Coruña (UDC) como integrantes dalgún grupo de investigación ou ben como persoal investigador individual.
Do mesmo xeito, tamén poderá participar aquel estudantado matriculado no curso 2024/25 nun programa de doutoramento na institución herculina ou aquel que realizase tarefas de investigación no marco da elaboración do seu Traballo de Fin de Grao (TFG) ou do seu Traballo de Fin de Máster (TFM) neste mesmo período e baixo a dirección de persoal investigador integrado no citado catálogo.
Para optar aos premios, ademais de achegar o proxecto de investigación a través dos correspondentes formularios, como novidade nesta edición, tanto os distintos grupos de investigación coma os investigadores e investigadoras individuais terán que expoñelo no marco dunha xornada aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado.
Os III Premios de Investigación Epifanio Campo establecen dous galardóns dotados con 6.000 e 4.000 euros, respectivamente, para aqueles proxectos que supoñan un avance significativo na xestión e na valorización dos residuos industriais co obxectivo de acadar un desenvolvemento máis sustentable.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de setembro.
Máis información:
catedra.epifaniocampo@udc.es




Comments