A Deputación de Pontevedra pon en marcha o programa “Explora Manzaneda” para centros de secundaria de concellos de reto demográfico
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, vén de lanzar o programa “Explora Manzaneda”, unha iniciativa dirixida ao alumnado da ESO dos centros públicos de educación secundaria situados en concellos de reto demográfico da provincia.
O programa ofrece 160 prazas distribuídas en tres quendas, para estadías de tres días e dúas noites na estación de montaña de Manzaneda entre xaneiro e marzo de 2026. Durante a experiencia, as e os participantes poderán desfrutar dun curso de iniciación ao esquí, actividades de montaña e de lecer, piscina climatizada e aloxamento en réxime de pensión completa.
Cada centro beneficiario poderá participar con 20 estudantes acompañados/as dun docente, ata un máximo de oito centros educativos. A Deputación de Pontevedra subvenciona boa parte do custo da actividade, quedando a achega das familias en 105 euros por praza.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto do 1 ao 15 de outubro de 2025, a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal/).
Con esta iniciativa, a Deputación busca fomentar a convivencia, a práctica deportiva e o contacto coa natureza entre a mocidade, ofrecéndolles unha oportunidade única de aprendizaxe e lecer.




Comments