Skip to main content
deporte

O Concello de Carballo impulsa novas axudas para o fomento do deporte escolar durante o curso 2025/2026

A Xunta de Goberno Local do Concello de Carballo aprobou, na súa sesión ordinaria do 6 de outubro de 2025, as bases da convocatoria de subvencións destinadas á promoción e fomento do deporte escolar no municipio durante o curso 2025/2026. O extracto da convocatoria pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS Identif.: 862076), a través da ligazón https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/862076.

 

Estas axudas, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, están dirixidas ás ANPAS, ás súas seccións deportivas e ás agrupacións deportivas escolares dos centros de ensino sostidos con fondos públicos. O seu obxectivo é facilitar a práctica deportiva en idade escolar mediante o financiamento de proxectos de Escolas Deportivas en horario extraescolar para nenos e nenas de educación infantil e primaria, desde outubro de 2025 ata maio de 2026.

 

Poderán optar a estas subvencións as entidades que carezan de fins de lucro, teñan a súa sede social e domicilio fiscal no Concello de Carballo, estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e desenvolvan a súa actividade no ámbito municipal. Ademais, deberán estar ao corrente das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Tesourería da Seguridade Social e co propio Concello.

 

O importe total destinado a esta convocatoria ascende a 17.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 3410/48900 “Subvencións fomento deporte non nominativas”.

 

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP núm. 199, do 17 de outubro de 2025). O prazo de xustificación das subvencións rematará o 30 de xuño de 2026.

 

Para máis información, pode consultarse o texto completo da convocatoria na BDNS ou no BOP da Coruña.

Comments