Skip to main content
asociacions

O Concello de Cariño abre a convocatoria de subvencións para entidades sen fin de lucro do ano 2025

O Concello de Cariño vén de aprobar, mediante Decreto da Alcaldía de data 17 de outubro de 2025, as Bases reguladoras da convocatoria pública de subvencións e axudas para entidades sen fin de lucro correspondentes ao exercicio 2025 (Expediente 2025/A002/000001).

O obxectivo destas axudas é fomentar a participación cidadá e apoiar a realización de actividades educativas, deportivas, culturais e de interese social desenvolvidas por asociacións e entidades sen ánimo de lucro dentro do termo municipal de Cariño.

As subvencións tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, garantindo os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e eficiencia no uso dos recursos públicos.

O importe global destinado a esta convocatoria é de 18.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 334.48000. O período subvencionable abrangue do 1 de novembro de 2024 ao 31 de outubro de 2025.

Entidades beneficiarias

Poderán optar ás axudas as asociacións e entidades legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións de Cariño, que carezan de fins de lucro, desenvolvan a súa actividade no municipio e estean ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Prazo e forma de presentación

O prazo para presentar as solicitudes será de 10 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

As solicitudes deberán realizarse a través do Rexistro Xeral da Sede Electrónica do Concello de Cariño (https://sede.concellodecarino.gal/opencms/gl/index.html), empregando o modelo oficial do Anexo I e achegando a documentación indicada nas bases da convocatoria.

Información adicional

O texto íntegro das Bases reguladoras da convocatoria pública de subvencións e axudas para entidades sen fin de lucro do Concello de Cariño 2025 (Expediente 2025/A002/000001) pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 23 de outubro de 2025 (nº 203) e na sede electrónica municipal.

Comments