Skip to main content
periodismo

O Concello de Lalín convoca o XXXII Premio Internacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”

O Concello de Lalín (Pontevedra), en colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, diversas asociacións gastronómicas galegas e a Axencia Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, convoca o XXXII Premio Internacional de Xornalismo Gastronómico “Álvaro Cunqueiro”, recoñecido como o galardón gastronómico máis prestixioso do Estado.

O certame ten como obxectivo fomentar a difusión da cociña galega e recoñecer o labor dos profesionais e estudantes que contribúen, a través do xornalismo e a comunicación, á posta en valor da gastronomía como parte esencial da nosa cultura.

Modalidades e premios

Convócanse dúas categorías:

  • Traballo xornalístico, dotado con 4.000 euros, para artigos, libros, reportaxes, entrevistas, viñetas, fotografías ou contidos audiovisuais e dixitais sobre gastronomía.

  • Traballo académico, dotado con 1.000 euros, destinado a estudantes de Xornalismo, Publicidade ou Comunicación Audiovisual que presenten proxectos relacionados coa gastronomía.

O importe total dos premios ascende a 5.000 euros.

Requisitos e prazos

Poderán participar xornalistas, escritores/as, particulares e estudantes que publicasen traballos sobre gastronomía galega ou xeral nos últimos dous anos, en calquera idioma e formato (prensa, radio, televisión, redes sociais, publicacións…).

O prazo de presentación dos traballos permanecerá aberto ata o 30 de decembro de 2025. As propostas deberán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Lalín (https://lalin.sedelectronica.gal/info.0) ou fisicamente no Rexistro Xeral do Concello (Praza de Galicia, 1 – Lalín).

Avaliación e fallo

O xurado estará composto por profesionais do xornalismo e representantes das institucións colaboradoras. Teranse en conta criterios como a calidade xornalística, a difusión da gastronomía galega e a posta en valor da cultura local, especialmente as referencias ao Cocido de Lalín.

O fallo farase público nun acto oficial previo á celebración da LVIII Feira do Cocido.

Comments