O Concello de Montederramo abre o prazo para solicitar as axudas ao fomento da natalidade en 2025
O Concello de Montederramo vén de publicar a convocatoria das axudas económicas destinadas ao fomento da natalidade durante o ano 2025. O obxectivo desta liña de apoio é contribuír ao sostemento das familias con novos nacementos ou adopcións producidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.
A axuda ascende a 1.500 euros por cada nacemento ou adopción, distribuídos en tres pagos anuais de 500 euros, compatibles con outras subvencións doutras administracións. Para recibir a totalidade da prestación, será necesario manter a residencia efectiva no municipio durante os dous anos posteriores á solicitude.
Beneficiarios/as
Poderán optar ás axudas os proxenitores ou adoptantes —casados, parellas de feito ou familias monoparentais— que figuren no libro de familia ou nas certificacións do Rexistro Civil, e que cumpran os requisitos de empadroamento, convivencia e situación administrativa esixidos na convocatoria. Tamén poderán solicitalas as persoas estranxeiras con residencia legal en España.
Non poderán ser beneficiarias aquelas persoas privadas total ou parcialmente da patria potestade ou cuxa tutela fose asumida por unha institución pública.
Requisitos principais
Entre as condicións requiridas destacan:
-
Empadroamento no Concello de Montederramo cunha antigüidade mínima dun ano para polo menos un dos proxenitores ou adoptantes.
-
Que a nena ou o neno teña o seu primeiro empadroamento no municipio e conviva coa persoa solicitante.
-
Estar ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
-
Manter a residencia no Concello durante os anos 2026 e 2027, agás causas excepcionais debidamente xustificadas.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán dirixirse á Alcaldía de Montederramo e presentarse mediante o Anexo I, dispoñible na sede electrónica municipal. Poderán entregarse de forma presencial na Oficina de Rexistro da Casa Consistorial ou a través da sede electrónica do Concello:
👉 https://montederramo.sedelectronica.gal
O prazo permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2025.
Para obter máis información, cómpre consultar o texto completo da convocatoria dispoñible na sede electrónica municipal. BOP Ourense




Comments