Skip to main content
asociacions

O Concello de Abegondo abre a convocatoria de subvencións para entidades sen ánimo de lucro na anualidade 2025

O Concello de Abegondo vén de publicar, mediante a Resolución de Alcaldía nº 830/2025 do 6 de novembro, a convocatoria pública e as bases reguladoras das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro para o ano 2025. O anuncio foi difundido no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 14 de novembro de 2025.

A convocatoria ten por obxecto apoiar economicamente ás asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, así como ás comisións de festas ou entidades organizadoras das festas patronais das diferentes parroquias do municipio. As axudas distribúense en dúas modalidades:

  1. Actividades e adquisición de equipamento por parte das entidades durante o exercicio 2025.

  2. Celebración de festas patronais en cada parroquia.

Dotación orzamentaria

O Concello destina un total de 19.500 euros, distribuídos nas seguintes partidas:

  • Asociacións culturais, veciñais, educativas, recreativas…: 11.000 €

  • Entidades deportivas: 2.500 €

  • Festas patronais: 6.000 €

Requisitos e condicións

Poderán solicitar as subvencións as entidades que carezan de ánimo de lucro, desenvolvan a súa actividade en Abegondo e cumpran coas obrigas legais vixentes. Entre outros requisitos, as actividades subvencionadas deberán empregar a lingua galega como lingua vehicular e de difusión, sen prexuízo do uso doutros idiomas complementarios.

O importe solicitado non poderá superar o 80 % do gasto previsto, e calquera axuda recibida doutras administracións non poderá exceder o custo total da actividade.

Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse de forma electrónica, a través da sede electrónica do Concello ou dos rexistros habilitados. O prazo permanecerá aberto ata o 15 de decembro de 2025, contando dende o día seguinte á publicación do extracto na Base Nacional de Subvencións.

Proceso de resolución

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, tras valoración pola Comisión Avaliadora. As resolucións publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello e da sede electrónica, substituíndo a notificación individual.

Para as festas patronais, as solicitudes que cumpran os requisitos recibirán unha subvención de ata 400 euros.

Xustificación

A xustificación deberá presentarse tamén ata o 15 de decembro de 2025, xunto coa solicitude, mediante os modelos normalizados e achegando facturas e certificacións requiridas.

BOP CORUÑA

Comments