O Concello de Fisterra abre unha nova bolsa de traballo para a contratación de peóns do Grupo de Servizos Múltiples
O Concello de Fisterra vén de aprobar as bases para a constitución dunha nova bolsa de traballo de persoal laboral temporal (peóns/peoas) destinada ao Grupo de Servizos Múltiples de cara ao ano 2025. A iniciativa xorde ante o incremento das necesidades deste servizo tras a finalización das contratacións realizadas ao abeiro do programa PEL-Concellos 2025, que deixou o grupo cun número insuficiente de operarios para atender o volume de tarefas municipais.
A Alcaldía autorizou a continuidade do expediente e aprobou as bases que regulan o procedemento de selección, co obxectivo de cubrir acumulacións de tarefas, obras, servizos determinados ou baixas temporais do persoal municipal.
Características da convocatoria
A bolsa permitirá a selección de persoal para ocupar postos de operario, pertencentes ao Grupo V (equivalente ao subgrupo C2), con xornada a tempo completo e retribucións segundo o Orzamento municipal e a normativa do Estatuto Básico do Empregado Público.
As funcións inclúen traballos de limpeza viaria, mantemento de zonas verdes, xardíns, camiños e espazos públicos, labores de albañaría, apoio ao servizo de vías e obras e tarefas vinculadas á recollida de lixo, entre outras actuacións en espazos municipais.
Presentación de solicitudes
O prazo para presentar instancias será de 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no BOP da Coruña. As solicitudes deberán rexistrarse:
-
No Rexistro municipal, de luns a venres, de 9:00 a 14:00 h.
-
A través da sede electrónica do Concello de Fisterra.
-
Por calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
As persoas aspirantes deberán achegar a documentación requirida, incluíndo DNI, declaración responsable, méritos e —no seu caso— acreditación do CELGA. Toda a información, listaxes de admitidos/as e datas das probas publicaranse no taboleiro de anuncios, sede electrónica e páxina web municipal.




Comments