Skip to main content
deporte

O Concello de Sada abre a convocatoria de subvencións para deportistas individuais 2025

A Alcaldía de Sada vén de aprobar, mediante o Decreto 2089/2025 do 10 de novembro, a convocatoria de subvencións dirixidas a deportistas individuais do municipio para o ano 2025. O obxectivo desta liña de axudas é apoiar o perfeccionamento técnico e o rendemento deportivo das persoas que representan a Sada en competicións oficiais de ámbito autonómico, nacional ou internacional en disciplinas de carácter individual.

A convocatoria está incluída na liña 4.1 do Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026, “Bolsas para deportistas de nivel do Concello de Sada”, e conta cun orzamento total de 10.500 euros, con cargo á aplicación 341.48000. O período subvencionable abrangue desde o 1 de setembro de 2024 ata o 1 de setembro de 2025.

Quen pode solicitalas?

Poderán optar ás axudas os deportistas empadroados en Sada cunha antigüidade mínima de dous anos, que conten con licenza federativa vixente e que participasen en probas oficiais de nivel autonómico ou superior durante a tempada 2024/2025. As competicións de ámbito provincial non se terán en conta por formar parte doutras liñas municipais de apoio ao deporte base.

Criterios de valoración

A concesión realizarase por concorrencia competitiva, tendo en conta:

  • Nivel das competicións (ata 30 puntos)

  • Resultados obtidos (ata 15 puntos)

  • Categoría de idade (ata 5 puntos)

A puntuación total determinará o importe individual asignado a cada deportista.

Presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.

As solicitudes poderán presentarse:

  • Telematicamente, a través da sede electrónica municipal (sede.sada.gal)

  • Presencialmente, no Rexistro Municipal

Os anexos e impresos estarán dispoñibles en www.sada.gal na sección de subvencións.

Máis información

A convocatoria inclúe o detalle dos gastos subvencionables (inscricións, desprazamentos, material deportivo, servizos médicos e fisioterapia), a obriga de publicidade, o procedemento de instrución e pagamento, e a documentación necesaria para a xustificación.

A Comisión de Valoración, composta polo persoal técnico municipal, será a encargada de baremar as solicitudes e propoñer a resolución.

Comments