Skip to main content
ampa

O Concello de Sada convoca as subvencións para ANPAs de centros escolares municipais para o ano 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou o 6 de novembro a convocatoria das “Axudas para a actividade anual das ANPAs” correspondentes ao exercicio 2025. A liña de subvencións, incluída no Plan Estratéxico de Subvencións 2024–2026 (liña 5.3), busca impulsar a participación das familias na vida escolar e apoiar actividades que favorezan a conciliación, a inclusión e a igualdade de oportunidades do alumnado.

As axudas van dirixidas ás ANPAs dos centros de educación primaria e secundaria do Concello de Sada, e contan cun orzamento total de 25.000 €, con cargo á partida municipal 326.48000. A contía concedida a cada entidade determinarase en función da puntuación obtida na baremación, cun máximo de 5.000 € por ANPA.

Finalidade das subvencións

A convocatoria ten como obxectivo apoiar actividades formativas, culturais e de conciliación familiar; promover a participación das familias; fomentar a dinamización escolar; e facilitar recursos que complementen a educación obrigatoria.

Requisitos das entidades solicitantes

As ANPAs deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, ter a súa sede en Sada, desenvolver actividade nun centro escolar do municipio e atoparse ao día das súas obrigas tributarias e legais.

Criterios de valoración

A baremación poderá alcanzar un máximo de 49 puntos, puntuando aspectos como:

  • Número de familias asociadas.

  • Realización de actividades de conciliación, escolas de nais e pais, programación cultural, mañanceiros ou participación en actividades municipais.

  • Proxectos de carácter social que fomenten inclusión, convivencia, igualdade ou uso do galego.

  • Accións de apoio ás familias, colaboración co centro educativo ou mellora da vida escolar.

Segundo a puntuación final, as ANPAs recibirán cantidades entre 1.500 € e 5.000 €.

Presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.
A tramitación realizarase exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica municipal: sede.sada.gal, no apartado “Subvencións, axudas e premios”.

Xustificación e pagamento

Unha vez concedida a axuda, as entidades deberán xustificar os gastos antes do 28 de febreiro de 2026, achegando toda a documentación requirida e acreditando o cumprimento da obriga de publicidade do financiamento municipal.
Tras a fiscalización da xustificación, procederá o pagamento ás beneficiarias.

Toda a información e os anexos da convocatoria están dispoñibles na web municipal: www.sada.gal.

Comments