Skip to main content
asociacions

O Concello de Sada abre a convocatoria de subvencións para entidades culturais sen ánimo de lucro (2025)

O Concello de Sada vén de aprobar, en sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local do 6 de novembro de 2025, as bases reguladoras das subvencións dirixidas a entidades culturais sen ánimo de lucro para a organización de actividades culturais durante o exercicio 2025. A convocatoria publícase en réxime de concorrencia competitiva.

Obxecto das axudas

As subvencións teñen como finalidade impulsar, apoiar e promover a actividade cultural no termo municipal, facilitando que as asociacións culturais poidan desenvolver accións de difusión, creación artística, divulgación, recuperación de tradicións ou organización de eventos culturais abertos ao público.

Os proxectos deberán executarse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

Financiamento

  • Orzamento total: 20.000 €

  • Contía máxima por entidade: 5.000 €

  • As axudas poderán cubrir ata o 80% do custo total do proxecto.

Quen pode solicitar a subvención?

Poderán participar as entidades culturais sen ánimo de lucro que:

  • Estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

  • Desenvolvan a súa actividade no termo municipal.

  • Teñan fines relacionadas directamente co ámbito cultural.

  • Estean ao día nas obrigas tributarias e sociais.

  • Non teñan pendentes outras xustificacións con este Concello.

Gastos subvencionables

Admitiranse gastos relacionados coa organización das actividades culturais: servizos, persoal, subministracións, alugueiros, seguros, entre outros. Quedan excluídos bens inventariables, gastos financeiros, IVE non subvencionable, produtos lesivos para a saúde e gastos de limpeza de locais municipais.

Presentación de solicitudes

  • A solicitude deberá presentarse exclusivamente de forma electrónica a través da sede electrónica municipal: sede.sada.gal

  • Procedemento: “Subvencións, axudas e premios – Solicitude de subvencións municipais”.

  • Prazo: 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP da Coruña.

Os anexos e documentación complementaria estarán dispoñibles na web municipal www.sada.gal.

Valoración das solicitudes

A Comisión de Valoración puntuará os proxectos segundo criterios como:

  • Volume e duración das actividades.

  • Mobilización e participación cidadá.

  • Difusión e uso da lingua galega.

  • Colaboración entre entidades.

  • Alcance e impacto das propostas.

A concesión realizarase en proporción á puntuación obtida e ao orzamento solicitado.

Xustificación

O prazo de xustificación estará aberto do 1 de xaneiro ao 28 de febreiro de 2026 e deberá incluír memoria económica, facturas, xustificantes de gasto e acreditación das accións de publicidade institucional.

Comments