Skip to main content

Convocatoria dunha praza de conserxe para persoas mozas inscritas en Garantía Xuvenil

O Concello de Betanzos vén de aprobar, mediante resolución da Alcaldía do 14 de novembro de 2025, as bases reguladoras do proceso selectivo para a contratación laboral temporal dunha praza de conserxe, vinculada ao programa de subvencións destinadas á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

A convocatoria ten como finalidade proporcionar experiencia profesional a unha persoa moza desempregada, favorecendo a súa inserción laboral. O contrato terá unha duración de 9 meses, a xornada será completa (37,5 h/semanais) e formalizarase baixo o contrato 406, vinculado a programas financiados con fondos europeos. As retribucións axustaranse ao convenio laboral do Concello de Betanzos.

Requisitos principais

As persoas aspirantes deberán:

  • Ter entre 18 e 29 anos e estar inscritas como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

  • Figurar como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia.

  • Posuír o Graduado en ESO ou titulación equivalente.

  • Acreditar o coñecemento de galego (Celga 3 ou superior) ou realizar a correspondente proba.

  • Presentar certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, ao poder desempeñar tarefas en centros con menores.

Funcións do posto

Entre outras tarefas, o posto inclúe: vixilancia e custodia interior de edificios municipais, apertura e peche de instalacións, control de público, apoio loxístico, reparto de documentación, pequenos encargos administrativos e aviso de mantemento.

Proceso selectivo

O proceso será de concurso-oposición:

  • Fase de concurso: valoración de formación académica, cursos relacionados e coñecemento de galego (ata 10 puntos).

  • Fase de oposición: proba práctica tipo test sobre as funcións do posto (ata 10 puntos) e, se procede, proba de galego.

Establécese tamén a creación dunha bolsa de emprego para futuras substitucións dentro do programa.

Presentación de solicitudes

A Oficina de Emprego de Betanzos realizará a preselección e convocará as persoas aspirantes, que deberán presentar solicitude e documentación no Rexistro Xeral do Concello ou polos medios previstos na Lei 39/2015.
O prazo será de 5 días hábiles a partir da convocatoria da oficina de emprego.

As listas de admitidos, excluídos e demais resolucións publicaranse no taboleiro de edictos e na sede electrónica municipal.

Para máis información, pódese consultar o texto íntegro das bases no anuncio oficial do BOP da Coruña.

Comments