Monfero abre a convocatoria das Axudas ao Estudo 2026 para familias con fillos e fillas en idade escolar
O Concello de Monfero vén de publicar a convocatoria das Axudas ao Estudo 2026, destinadas a apoiar ás familias do municipio na cobertura dos gastos derivados da formación dos seus fillos e fillas. O extracto da convocatoria pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), baixo o identificador 870003.
As axudas teñen por obxecto compensar os gastos relacionados co material escolar, libros de texto, actividades educativas, roupa, calzado, transporte, material deportivo, hixiénico e de protección, así como equipamento e material informático.
O programa conta cun orzamento inicial de 10.000 euros, ampliable até 12.000 euros.
Beneficiarios
Poderán solicitar estas axudas todos os estudantes e unidades familiares empadroados en Monfero que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras, aprobadas pola Xunta de Goberno Local o 12 de novembro de 2025.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse, xunto coa documentación requirida, preferentemente a través da sede electrónica do Concello, no Rexistro Xeral de Entrada, ou por calquera das vías establecidas pola Lei 39/2015, do 1 de outubro.
O prazo será de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP mediante a BDNS.
Concesión e xustificación
As axudas serán concedidas pola Xunta de Goberno Local, logo da proposta de resolución provisional emitida polo órgano instrutor.
Unha vez concedidas, os beneficiarios deberán xustificar os gastos no prazo dun mes, achegando os comprobantes no Rexistro de Entrada do Concello.




Comments