O Concello de Arzúa convoca unha praza de funcionario/a técnico/a de xestión (subgrupo A2)
A Xunta de Goberno Local do Concello de Arzúa aprobou o 19 de novembro de 2025 a convocatoria e as bases do proceso selectivo para cubrir en propiedade unha praza de técnico/a de xestión, pertencente á escala de Administración Xeral, subescala técnica, grupo A2.
A praza está adscrita ao Departamento de Servizos Económicos e figura identificada co código 3101 na Relación de Postos de Traballo municipal. As funcións inclúen, entre outras, tarefas de xestión de persoal, contabilidade, relacións coa Seguridade Social, xestión recadatoria, elaboración de informes económicos, tramitación tributaria e apoio ás áreas de Intervención e Tesourería.
O sistema de selección será o de oposición libre, garantindo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. O proceso constará de varios exercicios obrigatorios e eliminatorios, incluíndo probas teóricas, prácticas e unha proba de coñecemento de lingua galega (da que estarán exentos quen acrediten CELGA 4 ou equivalente).
As persoas aspirantes deberán cumprir os requisitos xerais de acceso ao emprego público, incluíndo estar en posesión dun título universitario de Grao ou Diplomatura, ou equivalente, propio do subgrupo A2.
O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOE. A documentación deberá presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Arzúa, xunto coa solicitude oficial incluída nas bases.
As bases completas publicaranse no BOP da Coruña, no DOGA, no taboleiro de anuncios municipal e na Sede Electrónica do Concello de Arzúa (https://sede.concellodearzua.com).




Comments