Skip to main content
IGUALDADE

Redondela abre o prazo de solicitude das subvencións para actividades de promoción da muller e da igualdade (anos 2023 e 2025)

O Concello de Redondela publica as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións destinadas ao desenvolvemento de actividades e programas de promoción da igualdade e da muller nos anos 2023 e 2025. Estas axudas están dirixidas a fomentar iniciativas que impulsen a igualdade real entre mulleres e homes, a prevención da violencia de xénero, a formación para o emprego, o autocuidado, a conciliación e a participación social e cultural das mulleres.

Poderán solicitar estas subvencións as asociacións de mulleres, ANPAS e entidades deportivas inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Redondela e que cumpran os requisitos establecidos nas bases.

As actividades subvencionables deberán ter como finalidade algunha das liñas prioritarias, como a igualdade de xénero, a prevención da violencia machista, a promoción da saúde, a integración de mulleres en risco de exclusión ou a formación sociolaboral. Non serán subvencionables investimentos, gastos de funcionamento das entidades ou actividades de carácter cultural, deportivo ou social xa financiadas a través doutras convocatorias municipais.

O crédito dispoñible para esta convocatoria é de 14.000 euros. As entidades só poderán presentar unha actividade por solicitude.

Prazo de solicitude

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica municipal (https://redondela.sedeelectronica.gal). O prazo é de 5 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia.

Toda a información, bases completas e anexos está dispoñible na web municipal: www.redondela.gal

Comments