Skip to main content

Carballo abre unha convocatoria para crear unha listaxe de persoal funcionario interino de Técnico/a de Administración Xeral (A2)

O Concello de Carballo vén de aprobar, mediante a Resolución da Alcaldía nº 3658/2025 do 26 de novembro de 2025, as bases reguladoras da convocatoria pública para a elaboración dunha listaxe de persoal funcionario interino destinada á cobertura temporal de postos de Técnico/a de Administración Xeral, pertencentes á Escala de Administración Xeral, Subescala Técnica, Grupo A, subgrupo A2.

O proceso convócase para dar resposta ás necesidades de persoal que poidan xurdir en calquera das circunstancias previstas no artigo 10 do Estatuto Básico do Empregado Público (EBEP) e no artigo 23 da Lei do Emprego Público de Galicia (LEPG).

📅 Prazo de presentación de solicitudes

O prazo será de oito (8) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).

📝 Sistema selectivo e requisitos

O proceso realizarase mediante concurso–oposición. Entre os requisitos principais, as persoas aspirantes deberán contar con:

  • Título universitario de Grao/Diplomatura ou equivalente.

  • Nivel CELGA 4 de lingua galega (ou superar a correspondente proba).

  • Acreditación das competencias dixitais (nivel intermedio), agás nos casos de exención.

  • Cumprir os requisitos xerais de acceso ao emprego público.

As solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do Concello de Carballo:
👉 www.sede.carballo.gal

Xunto coa instancia deberá achegarse a documentación requirida nas bases, incluíndo o xustificante do ingreso da taxa por dereitos de exame (24 €), excepto nos casos con bonificación.

📄 Máis información

As bases completas da convocatoria están dispoñibles no BOP e no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Carballo.

Comments