Aberta a convocatoria do Concurso de Decoración de Vivendas e Comercios polo Nadal 2025 en Carral
O Concello de Carral vén de publicar o extracto da convocatoria do Concurso de decoración de vivendas e comercios polo Nadal 2025, acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local o 25 de novembro de 2025 (BDNS: 871767). O texto completo pode consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións.
Obxecto da convocatoria
O certame busca promover o espírito do Nadal mediante a decoración con iluminación e motivos propios destas datas nas fachadas, balcóns, xardíns e escaparates das vivendas e comercios do municipio.
Persoas participantes
Poderán participar propietarios/as ou arrendatarios/as maiores de idade de vivendas ou comercios situados no termo municipal de Carral —tanto en zona urbana como rural— e nos que as persoas participantes estean empadroadas.
Inscricións: prazo e forma de presentación
O prazo de inscrición abrangue desde o día seguinte á publicación do extracto no BOP ata o 15 de decembro de 2025 incluído.
As solicitudes deberán cubrirse mediante o Anexo I, xunto co DNI da persoa solicitante e, se procede, o da persoa representante, e presentarse:
-
A través da sede electrónica do Concello de Carral no trámite “Solicitud de participación en el Concurso decoración de viviendas y comercios por Navidad 2025”.
-
Ou presencialmente no Rexistro Municipal.
Ademais, as persoas participantes deberán enviar catro fotografías e/ou un vídeo da decoración ao correo omix@carral.es antes do 18 de decembro de 2025.
Categorías e premios
O concurso conta con tres categorías:
-
Casas: fachadas e xardíns de vivendas unifamiliares.
-
Apartamentos, pisos, áticos e dúplex: fachadas, balcóns e portas de entrada exteriores.
-
Comercios: escaparates e interior do establecemento.
Cada categoría incluirá tres premios:
-
1º premio: cesta de Nadal valorada en 95 €
-
2º premio: cesta de Nadal valorada en 80 €
-
3º premio: cesta de Nadal valorada en 60 €
Criterios de valoración
O xurado valorará especialmente:
-
A creatividade, composición e deseño.
-
A orixinalidade e elaboración propia.
-
O uso da iluminación como elemento principal.
-
A utilización de materiais de refugallo.
A puntuación máxima será de 10 puntos por membro do xurado. Os premios poderán declararse desertos se non se acada un nivel mínimo de calidade ou se a participación é insuficiente.




Comments