Oroso aproba as bases para seleccionar unha praza de Administrativo/a de carreira e crear unha bolsa de emprego municipal
O Concello de Oroso vén de aprobar, mediante resolución da Alcaldía nº 1648/2025 do 1 de decembro, as bases específicas e a convocatoria dun proceso selectivo para cubrir unha praza de administrativo/a adscrito ao departamento de Urbanismo como funcionario/a de carreira, así como para constituír unha bolsa de emprego destinada á cobertura temporal de postos administrativos.
Esta convocatoria forma parte da Oferta de Emprego Público de 2025, aprobada por resolución de Alcaldía nº 207/2025 do 14 de febreiro, que inclúe unha praza de Administrativo do Grupo C1, Escala de Administración Xeral, Subescala Administrativa (cód. RPT 03.00.03), polo sistema de oposición libre.
A creación da bolsa de emprego permitirá a cobertura provisional de postos vacantes, substitucións de titulares, execución de programas de carácter temporal ou reforzos por acumulación de tarefas, de acordo co previsto no Real Decreto Lexislativo 5/2015 e na Lei 2/2015 do emprego público de Galicia.
Presentación de solicitudes
As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días naturais desde o seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no BOE. As solicitudes deberán presentarse:
-
No Rexistro Xeral do Concello (Praza Isaac Díaz Pardo, 1 – 15888 Oroso)
-
A través da Sede Electrónica: https://sede.oroso.gal
-
Ou polos medios previstos no artigo 16 da Lei 39/2015.
Será necesario achegar DNI, xustificante da taxa de exame (25 euros), así como, no seu caso, acreditación do CELGA 4 ou da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, para poder solicitar a exención das probas de galego e informática.
Sistema selectivo
O proceso constará de catro exercicios eliminatorios desenvolvidos conforme ao TREBEP, a Lei 2/2015 e o Real Decreto 896/1991.
Toda a información relacionada coas listas de admitidos, datas de exame e demais comunicacións publicarase exclusivamente no taboleiro electrónico de anuncios do Concello de Oroso.




Comments