Burela activa novas oportunidades laborais con catro procesos de selección ao abeiro do Programa Reforzo do Emprego 2025
O Concello de Burela vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Lugo varias convocatorias de emprego destinadas a reforzar diferentes servizos municipais ao abeiro do Programa Reforzo do Emprego 2025, integrado no Plan Deputación de cooperación cos concellos.
En total, ofertaranse cinco postos de traballo mediante nomeamento como persoal funcionario interino, cunha duración limitada e orientados a cubrir necesidades temporais dos servizos municipais.
As convocatorias son as seguintes:
-
2 prazas de conserxe (R. 3426)
-
1 praza de peón para a área de obras (R. 3427)
-
1 praza de xardineiro/a (R. 3428)
-
1 praza de auxiliar administrativo/a (R. 3429)
As persoas interesadas deberán cumprir os requisitos establecidos en cada unha das bases, entre eles: ser maior de 16 anos, posuír a capacidade funcional necesaria, non estar inhabilitadas para o emprego público e atoparse en situación de desemprego ou de mellora de emprego, condición imprescindible segundo o programa provincial.
O sistema de selección será concurso-oposición, combinando unha proba práctica relacionada co posto e a valoración de méritos formativos e profesionais.
O prazo de presentación de instancias será de 7 días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación no BOP. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal burela.sedelectronica.es.
A información completa, incluídas as bases íntegras e o temario de cada convocatoria, pode consultarse na sede electrónica do Concello de Burela.




Comments