Skip to main content
arte

Convocadas as bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos para o ano 2026

A Deputación da Coruña vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria das bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos para o ano 2026, unha iniciativa dirixida a apoiar o talento creativo mozo e favorecer a especialización artística fóra de Galicia.

A convocatoria contempla a concesión de 28 bolsas en réxime de concorrencia competitiva, cunha dotación individual de 10.000 euros, destinadas a financiar estudos artísticos presenciais ou semipresenciais durante o curso 2026-2027, cunha duración mínima de tres meses.

Áreas e número de bolsas

As bolsas distribúense nas seguintes áreas artísticas:

  • Música: 15 bolsas

  • Ilustración, artes plásticas e visuais: 4 bolsas

  • Audiovisual: 3 bolsas

  • Danza e artes do movemento: 3 bolsas

  • Teatro e interpretación escénica: 3 bolsas

Os estudos deberán realizarse fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas destinatarias

Poderán solicitar estas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter menos de 36 anos na data de finalización do prazo de solicitudes.

  • Estar empadroadas na provincia da Coruña cunha antigüidade mínima dun ano.

  • Acreditar formación previa na área artística á que se opta.

  • Non ter sido beneficiarias destas bolsas en máis de tres convocatorias anteriores.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude e optar só a unha área artística.

Prazo e forma de presentación

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o 16 de marzo de 2026 e rematará ás 14:00 horas do 16 de abril de 2026.

A solicitude deberá presentarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, na sede electrónica da Deputación da Coruña. Todo o procedemento, incluídas as notificacións, realizarase de forma electrónica.

Un impulso á formación artística

Estas bolsas teñen como finalidade mellorar, completar e actualizar a formación artística das persoas beneficiarias, facilitando o acceso a centros e programas de prestixio e contribuíndo ao desenvolvemento profesional do sector cultural.

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.

Comments