Barreiros convoca catro prazas de Auxiliar de Axuda no Fogar mediante concurso-oposición
O Concello de Barreiros abriu o proceso selectivo para a cobertura de catro prazas de Auxiliar de Axuda no Fogar, como persoal laboral fixo, mediante o sistema de concurso-oposición en quenda libre. Unha das prazas está incluída na Oferta de Emprego Público (OEP) de 2022 e as outras tres na OEP de 2025.
As bases da convocatoria foron aprobadas por acordo da Xunta de Goberno Local o 30 de decembro de 2025 e publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP nº 10, do 14 de xaneiro de 2026), en cumprimento da normativa vixente.
As persoas seleccionadas desempeñarán funcións propias do servizo de axuda no fogar, como tarefas de limpeza do domicilio, preparación de comidas, aseo persoal, mobilización e acompañamento das persoas usuarias, baixo a coordinación da Traballadora Social municipal. Os postos ofertados corresponden ao grupo asimilado E, con xornada completa de 37,5 horas semanais, en quendas rotatorias de luns a domingo, e unha retribución baseada no Salario Mínimo Interprofesional en 14 pagas, ademais dos complementos correspondentes. Os desprazamentos realizados con vehículo propio serán compensados a razón de 0,26 euros por quilómetro.
Para participar no proceso selectivo será necesario, entre outros requisitos, ter cumpridos 16 anos, posuír capacidade funcional, contar coa titulación sociosanitaria esixida, así como permiso de conducir e vehículo propio. O proceso constará dunha fase de oposición, cunha ou varias probas teórico-prácticas, e dunha fase de concurso, na que se valorará a experiencia profesional e a formación relacionada co posto, así como a formación en igualdade. Ademais, poderase realizar unha proba de coñecemento da lingua galega para aquelas persoas que non acrediten o nivel correspondente.
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado (BOE). As instancias poderán presentarse no Rexistro do Concello de Barreiros, a través da súa sede electrónica ou por correo certificado, segundo o establecido nas bases.
Toda a información detallada da convocatoria, incluído o modelo de solicitude, pode consultarse na páxina web municipal www.concellodebarreiros.gal e na sede electrónica do Concello.




Comments