O Concello de Baltar convoca un concurso público para a adxudicación de dúas licenzas de autotaxi
O Concello de Baltar (Ourense) vén de aprobar as bases reguladoras do concurso público para a adxudicación de dúas licenzas municipais de autotaxi, co obxectivo de reforzar o servizo público discrecional de transporte de viaxeiros no termo municipal.
A resolución foi adoptada pola Alcaldía o pasado 29 de decembro de 2025 e será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, abrindo así o prazo para a presentación de solicitudes.
Poderán participar neste concurso as persoas físicas que cumpran cos requisitos establecidos na normativa vixente, entre eles contar co permiso de condución correspondente, acreditar aptitude física e psicolóxica, non ser titulares doutra licenza de taxi en Galicia e asumir a dedicación persoal e directa ao servizo.
O prazo para presentar solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no BOP, podendo rexistrarse no Concello de Baltar ou a través dos medios previstos na Lei 39/2015.
A adxudicación realizarase en réxime de concorrencia competitiva, cun máximo de 100 puntos, valorando especialmente a antigüidade como condutor/a de taxi, a experiencia previa como titular dunha licenza, o compromiso coa mobilidade sostible mediante vehículos eléctricos ou híbridos e a adaptación dos vehículos para persoas con mobilidade reducida.
A resolución do procedemento corresponderá á Alcaldía e deberá ditarse no prazo máximo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. As persoas adxudicatarias deberán iniciar o servizo nun prazo máximo de 30 días desde a concesión definitiva da licenza.
Esta convocatoria supón unha oportunidade de emprego e autoemprego no sector do transporte, contribuíndo á mellora da mobilidade e dos servizos públicos no ámbito rural.




Comments