Skip to main content

A Mancomunidade da Terra Chá crea unha bolsa de emprego temporal para persoas condutoras

A Mancomunidade de Municipios da Terra Chá aprobou as bases reguladoras para a creación dunha bolsa de emprego temporal na categoría de persoa condutora mediante o sistema de concurso-oposición.

O obxectivo desta convocatoria é cubrir de maneira temporal vacantes, baixas, vacacións, acumulación de tarefas ou necesidades excepcionais do servizo dentro da área de obras e servizos da entidade supramunicipal.

As contratacións realizaranse como persoal laboral temporal e estarán vinculadas aos postos de condutor/a incluídos na Relación de Postos de Traballo (RPT) da Mancomunidade.

Entre as funcións do posto destacan:

  • Condución de vehículos e manexo de maquinaria
  • Mantemento de infraestruturas e vías públicas
  • Realización de pequenas obras
  • Conservación e mantemento básico dos vehículos
  • Apoio ás tarefas propias da área de obras e servizos

As persoas aspirantes deberán cumprir requisitos como:

  • Ter o título da ESO ou equivalente
  • Estar en posesión do permiso de conducir tipo B
  • Acreditar o coñecemento da lingua galega mediante CELGA 2 ou equivalente, ou superar unha proba específica

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días hábiles desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

As instancias poderán presentarse no Rexistro Xeral da Mancomunidade, con sede no Concello de Cospeito, ou a través da sede electrónica oficial da Mancomunidade da Terra Chá.

As bases completas tamén poden consultarse no taboleiro de anuncios e na web da Mancomunidade de Municipios da Terra Chá.

Comments