Lara Meneses destaca a importancia dos Correspondentes Xuvenís para a saúde emocional
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou preto de cincuenta alumnos do IES Antón Fraguas (Santiago de Compostela) que participan no Programa Correspondentes Xuvenís e onde destacou a súa importancia para a saúde emocional da mocidade. Trátase dunha iniciativa coa que se busca xerar unha canle de comunicación directa cos estudantes e favorecer entre eles a transmisión de información de interese.
No acto, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu no compromiso do Goberno galego coa mocidade e avanzou que un dos obxectivos do Plan estratéxico de Xuventude, anunciado o pasado mes de abril, é achegar este programa de voluntariado a máis centros educativos e así mellorar o grao de información da xente nova.
No marco da visita, Lara Meneses agradeceu o traballo dos participantes desta iniciativa, na que recordou “xa levan participado máis de 7.300 mozos desde o seu inicio en 2013”. “Por iso, desde a Xunta queremos ampliar o número de correspondentes dado á súa importancia á hora de potenciar as habilidades comunicativas dos estudantes, por favorecer a que asuman responsabilidades e á transmisión de valores como a colaboración e o liderado”, remarcou.
Tal e como salientou a directora xeral de Xuventude, programas como este, cuxa presente edición conta cun total de 845 alumnos repartidos en 56 en centros educativos de toda Galicia, impulsan o desenvolvemento de habilidades desde a educación non formal como o traballo en equipo, a oratoria, a creatividade ou o tratamento crítico da información.




Comments