 
 
				Proxectos de voluntariado interxeracional no rural
A Xunta de Galicia impulsa o desenvolvemento de proxectos de voluntariado interxeracional no rural no ano 2026 a través da convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia cuxa finalidade é dinamizar os concellos menos poboados ao tempo que se melloran as perspectivas laborais da xuventude.
Así, ao abeiro desta medida o obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que persoas voluntarias de máis de 55 anos e a mocidade traballe conxuntamente en iniciativas de investigación, innovación e mellora do medio rural a través de accións vinculadas ao programa Talento interxeracional.
Neste senso, a través desta convocatoria subvenciónanse actividades que recoñezan as experiencias das persoas maiores que poidan servir como catalizador para as iniciativas da mocidade.
Trátase de proxectos que se deberán levar a cabo entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio por parte de entidades locais ou agrupacións que teñan a consideración de entidades locais de carácter rural e de entidades de acción voluntaria de carácter asociativo.
Os proxectos presentados deben incluirse nunha das cinco liñas que forman a convocatoria. A primeira inclúe proxectos orientados á identificación de situacións e necesidades de coidados, baseadas en casos reais detectados na zona e enfocados ao acompañamento ou apoio no fogar de persoas autónomas pero que precisen coidados ou apoios puntuais.
A segunda área abarca as iniciativas orientadas a promover os cultivos ecolóxicos e sustentables e o fomento do relevo xeracional nas explotacións agrogandeiras.
As seguintes liñas recollen propostas orientadas á protección do medio ambiente, co fin de contribuír á recuperación da biodiversidade e os ecosistemas; á promoción turística e cultural, fomentando a divulgación de elementos como o patrimonio ou os oficios tradicionais, e á cohesión tecnolóxica e dixital, con proxectos que atendan ou melloren as necesidades da zona.
Máis información:
DOG  17 Setembro 2025
Sede Electrónica Xunta BS508E




Comments