Ir o contido principal
deporte

O Concello de Lalín convoca subvencións para actividades deportivas no exercicio 2025

O Concello de Lalín abre a convocatoria de subvencións dirixidas a clubes, entidades deportivas federadas e persoas físicas empadroadas no municipio que contribúan á promoción e fomento da actividade deportiva.

As axudas, que contan cun orzamento total de 70.000 euros, distribúense en dúas liñas principais:

  • 10.000 € para outras subvencións deportivas.

  • 60.000 € para o fomento do deporte base.

Poderán beneficiarse destas subvencións as asociacións e clubes deportivos sen ánimo de lucro, legalmente constituídos, así como persoas físicas federadas que non compitan a través de clubes, sempre que desenvolvan a súa actividade no termo municipal de Lalín e cumpran os requisitos establecidos nas bases.

As axudas permitirán cubrir gastos relacionados con fichas federativas, equipamento deportivo, desprazamentos, arbitraxes, mutualidades, persoal, trofeos, material médico ou publicidade, entre outros conceptos.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente a través do Rexistro Electrónico do Concello de Lalín, utilizando os modelos normalizados dispoñibles na web municipal www.lalin.gal.

📌 Toda a información detallada, incluíndo as bases reguladoras, pode consultarse no BOP e na sede electrónica do Concello de Lalín.

Comments