Convocatoria dos Premios á Excelencia Deportiva para deportistas galego-teenses de alto nivel 2025
O Concello de Teo abre a convocatoria dos Premios á Excelencia Deportiva 2025, dirixidos a apoiar a deportistas galego-teenses de alto nivel que participaron en competicións oficiais de ámbito mundial, europeo ou estatal ao longo do ano 2024.
A Xunta de Goberno Local aprobou as bases desta convocatoria na sesión do 15 de setembro de 2025. A dotación total ascende a 10.000 euros, que se distribuirán en premios de ata 1.500 euros (Tipo I), 1.000 euros (Tipo II) e 750 euros (Tipo III), en función da categoría da competición na que participasen os/as solicitantes.
Requisitos principais
Poderán optar aos premios as persoas deportistas que:
-
Teñan entre 16 e 40 anos na data de peche do prazo de solicitudes.
-
Estean empadroadas en Teo polo menos desde o 1 de xaneiro de 2023.
-
Conten co recoñecemento oficial da Secretaría Xeral para o Deporte como deportista galega/o de alto nivel.
-
Posúan licenza federativa en vigor.
Prazo e presentación de solicitudes
As solicitudes poderán presentarse de forma preferente a través da sede electrónica municipal https://sede.teo.gal, ou presencialmente no Rexistro do Concello de Teo (de luns a venres, de 8:00 a 14:00 horas).
O prazo será de 15 días hábiles a partir do día seguinte da publicación do edicto no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP nº 187, 1 de outubro de 2025).
As persoas beneficiarias quedarán obrigadas a colaborar co Concello en actividades deportivas e a difundir o patrocinio municipal en medios e competicións.
📌 Máis información dispoñible nas bases publicadas no BOP e no Taboleiro de Edictos do Concello de Teo.




Comments