Ir o contido principal
poesia

O Concello de Ares convoca o IV Premio de Novela Curta “Alén”

O Concello de Ares vén de abrir a convocatoria do IV Premio de Novela Curta “Alén”, un certame literario destinado a promover a creación en lingua galega e a reflexión arredor da emigración galega, especialmente a de alén mar.

Poderán participar todas as persoas maiores de idade, de calquera nacionalidade ou residencia, sempre que presenten unha obra orixinal e inédita, redactada en galego e cunha extensión mínima de 80.000 e máxima de 140.000 caracteres con espazos. A temática deberá recoller a emigración galega, que poderá aparecer como elemento central da trama ou a través da vida dalgún personaxe.

O premio consta dunha dotación única de 2.000 euros e da publicación da obra por Hércules de Edicións. O prazo de presentación dos orixinais permanecerá aberto ata o 9 de maio de 2026, incluído.

As bases completas establecen que o xurado, formado por persoas de recoñecido prestixio, fará público o seu veredicto no mes de xuño de 2026. A entrega do premio e a presentación do libro realizaranse no marco da festa Ares Indiano, na segunda quincena de agosto de 2026.

Os traballos deberán remitirse ao Rexistro Xeral do Concello de Ares (Av. Saavedra Meneses, 12, 15624 Ares, A Coruña), facendo constar “IV Premio Novela Curta Alén”.

📌 Máis información e bases completas: Concello de Ares – Área de Cultura.

BOP Coruña

Comments