O Concello de Cabanas convoca axudas ao estudo para o curso 2025/2026
O Concello de Cabanas vén de publicar as bases da convocatoria pública para a concesión de axudas ao estudo destinadas ás familias con fillas e fillos en idade escolar de cara ao curso 2025/2026 (BDNS Identif.: 859370).
O obxectivo destas axudas é facer efectivo o principio de igualdade no acceso á educación, apoiando ás familias con maiores dificultades económicas para afrontar os gastos derivados da escolarización.
Contías segundo nivel educativo
-
Educación Infantil: ata 100 €
-
Educación Primaria: ata 125 €
-
Educación Secundaria e Bacharelato: ata 175 €
-
Formación Profesional, Universidade e Centros de Educación Especial: ata 200 €
Persoas beneficiarias
Poderán solicitalas nais, pais, persoas titoras ou acolledoras de alumnado de ata 23 anos empadroado en Cabanas e matriculado en educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP, universidade ou centros de educación especial en centros sostidos con fondos públicos.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán cubrirse no modelo específico (Anexo I) e acompañarse da documentación requirida. Poderán presentarse no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Cabanas, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou a través das vías previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015.
O prazo de presentación estará aberto desde o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e durante 10 días hábiles.
Toda a información e as bases completas da convocatoria poden consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións: Consulta aquí.




Comments