Ir o contido principal

O Concello convoca unha praza de Psicólogo/a-Director/a para o Centro de Información á Muller (CIM)

O Concello vén de publicar as bases para a selección dun/ha Psicólogo/a-Director/a para o Centro de Información á Muller (CIM), a través dun proceso de oposición libre.

A persoa seleccionada desenvolverá as funcións de intervención familiar, atención e información ás mulleres, ademais da dirección do CIM. O contrato terá carácter temporal, baixo a modalidade de circunstancias da produción, cunha duración máxima de seis meses, prorrogables segundo convenio e condicionado á subvención correspondente.

Entre os requisitos principais, as persoas aspirantes deberán contar coa licenciatura ou grao en Psicoloxía, así como con formación e experiencia en materia de igualdade de xénero, de acordo co Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se regulan os requisitos e procedemento de acreditación dos CIM de Galicia.

O proceso selectivo desenvolverase mediante oposición libre, que incluirá unha proba escrita e outra de coñecemento da lingua galega (da que estarán exentos/as quen posúan o título CELGA 4).

O prazo para presentar as solicitudes será de dez días naturais, contados dende o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP). As instancias deberán presentarse no rexistro xeral do Concello ou a través das vías previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

👉 Máis información: As bases completas da convocatoria poden consultarse no taboleiro de anuncios do Concello e na publicación oficial correspondente.

Comments