Ir o contido principal
nadal

Aberto o prazo para participar no XII Concurso de Postais de Nadal de Bergondo 2025-2026

O Concello de Bergondo convoca unha nova edición do tradicional Concurso de Postais de Nadal, que este ano chega á súa XII edición. Poderán participar todas as persoas empadroadas no municipio ou que estuden no CRA de Bergondo, no CPI Cruz de Sar, no CPAP de Bergondo ou no CFEA de Guísamo.

O certame inclúe catro categorías: Educación Infantil; 1º, 2º e 3º de Primaria; 4º, 5º e 6º de Primaria; e Educación Secundaria, Bacharelato e persoas adultas. As postais deberán ser orixinais, inéditas, alusivas ao Nadal e, no caso de levar texto, deberán estar escritas en galego.

Os traballos presentaranse en formato A5, en papel ou cartolina fina, ata o 10 de decembro de 2025, na Casa da Cultura, na Senra ou na biblioteca municipal durante o seu horario de apertura.

Cada categoría contará cun premio consistente nun bono de 80 € para usar nos establecementos adheridos á campaña “En Bergondo, mellor”. Ademais, unha das postais gañadoras poderá ser seleccionada polo xurado como felicitación institucional do Concello este Nadal.

O fallo do xurado —formado por tres funcionarios municipais— farase público antes do 19 de decembro. Todas as postais presentadas poderán ser expostas nas instalacións municipais.

A participación implica a aceptación das bases do concurso, dispoñibles no Concello de Bergondo.

📌 Anímate a participar e comparte o teu talento creativo co espírito do Nadal bergondés!

BOP CORUÑA

Comments