Ir o contido principal
deporte

O Concello de Sada convoca as subvencións para entidades deportivas correspondentes ao ano 2025

A Xunta de Goberno Local do Concello de Sada aprobou na súa sesión do 6 de novembro a convocatoria das subvencións dirixidas ás entidades deportivas do municipio para o ano 2025. As axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, teñen como finalidade apoiar o desenvolvemento de actividades de promoción deportiva e competición durante a tempada subvencionable, en liña co Plan Estratéxico de Subvencións Municipais 2024-2026 (liña 4.2).

O orzamento destinado a esta convocatoria ascende a 80.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 341.48000. O período subvencionable abrangue desde o 1 de setembro de 2024 ata o 1 de setembro de 2025, e a contía concedida non poderá superar en ningún caso o gasto xustificado polas entidades.

Obxectivos da convocatoria

A través deste programa de axudas, o Concello de Sada busca:

  • Promover a práctica deportiva como hábito saudable entre a veciñanza.

  • Apoiar a organización e participación en eventos e competicións deportivas oficiais.

  • Fomentar o deporte federado e incrementar o número de participantes nos clubs municipais.

  • Impulsar o deporte de base, inclusivo e accesible.

Requisitos das entidades solicitantes

Poderán optar ás subvencións todas as entidades deportivas que:

  • Estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.

  • Teñan o seu domicilio social en Sada.

  • Carezan de ánimo de lucro e teñan por obxecto social actividades deportivas.

  • Estean ao corrente das obrigas tributarias e sociais.

  • Xustificasen correctamente subvencións concedidas en anteriores convocatorias.

Presentación de solicitudes

O prazo para presentar solicitudes será de 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
A tramitación realizarase exclusivamente por medios electrónicos a través da sede electrónica municipal: https://sede.sada.gal, no apartado “Subvencións, axudas e premios”.

Toda a documentación, anexos e información complementaria estarán dispoñibles tamén en www.sada.gal

Comments