O Concello de Carral aproba as bases da campaña turística “Volve a Carral no Nadal 2025”
O Concello de Carral vén de aprobar, mediante resolución da Alcaldía do 19 de novembro de 2025, as bases reguladoras da campaña turística “Volve a Carral no Nadal 2025”, unha iniciativa dirixida a dinamizar o turismo local durante as festas e a apoiar o comercio e a hostalaría do municipio.
A campaña desenvolverase do 12 de decembro de 2025 ao 12 de xaneiro de 2026, período no que todas as persoas visitantes e consumidoras poderán obter un rasca por cada consumición ou compra realizada nos establecementos inscritos, sempre que acaden o importe mínimo establecido segundo a actividade.
🎁 Premios por consumir no comercio local
Entre todos os rascas repartidos —ata un máximo de 25.000— ocultaranse premios por un valor total de 2.000 euros, distribuídos en:
-
2 premios de 300 €
-
4 premios de 200 €
-
6 premios de 100 €
As persoas premiadas deberán trocar o rasca no rexistro municipal antes das 14:00 h do 30 de xaneiro de 2026, presentando a documentación indicada nas bases.
🛍️ Establecementos participantes
Os comercios e actividades de Carral que desexen sumarse deberán inscribirse no rexistro municipal no prazo de cinco días hábiles contados desde a publicación do extracto das bases no BOP e na BDNS. A inscrición é gratuíta e os establecementos comprométense a participar durante toda a campaña.
Cada establecemento recibirá un distintivo identificativo e un número determinado de rascas proporcionais ao seu volume de actividade.
📍 Obxectivo: fomentar o turismo e dinamizar a vida local
“Volve a Carral no Nadal” busca dar visibilidade ao patrimonio cultural e natural do municipio, impulsar a actividade económica e animar á poboación —local e visitante— a coñecer os diferentes puntos de interese de Carral ao tempo que apoian o comercio de proximidade.
Toda a información, así como os anexos necesarios para a inscrición, están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Carral.
Para máis información:
📞 981 613 520
📧 educacion@carral.es




Comments