Redondela publica as bases das axudas para programas de servizos sociais para os anos 2022, 2023 e 2025
O Concello de Redondela vén de publicar as bases e convocatoria das subvencións destinadas ao desenvolvemento de programas de servizos sociais correspondentes aos anos 2022, 2023 e 2025, cun crédito total dispoñible de 10.000 euros.
O obxectivo destas axudas é apoiar a entidades e asociacións sen ánimo de lucro que leven a cabo iniciativas no termo municipal ou con poboación empadroada en Redondela, garantindo os principios de publicidade, transparencia, igualdade e non discriminación.
🟩 Liñas de actuación subvencionables
As entidades poderán presentar proxectos relacionados cos seguintes ámbitos:
-
Acompañamento na soidade e atención a persoas en situación de vulnerabilidade.
-
Promoción do voluntariado social, interxeracional ou intersectorial.
-
Interacción na diversidade: iniciativas contra o racismo e a xenofobia.
-
Atención á infancia e socialización mediante actividades formativas ou lúdicas.
Os gastos subvencionables inclúen custos salariais, formación, desprazamentos ou outros necesarios para a execución das actividades, sempre relacionados coa finalidade específica de cada programa.
🔴 Actividades excluídas
Quedan fóra da convocatoria, entre outros: gastos de funcionamento das entidades, investimentos, actos culturais ou deportivos, edición de publicacións, viaxes de lecer, conferencias, actividades con contido sexista ou calquera gasto non compatible coa partida orzamentaria.
📝 Requisitos das entidades solicitantes
As asociacións deberán:
-
Estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións con, polo menos, seis meses de anterioridade á publicación das bases.
-
Ser entidades sen ánimo de lucro.
-
Ter xustificadas axudas anteriores ou contar coa prórroga correspondente.
-
Estar ao corrente das obrigas fiscais municipais.
🕘 Prazo de solicitude
O prazo será de cinco días hábiles desde o seguinte á publicación do extracto no BOPPO.
A presentación realizarase exclusivamente por vía electrónica a través da sede do Concello:
👉 redondela.sedelectronica.gal
📌 Criterios de valoración
As propostas avaliaranse en concorrencia competitiva segundo:
-
Número de participantes.
-
Duración das actividades.
-
Tipoloxía do programa.
-
Composición da xunta directiva, valorando a presenza de mulleres para favorecer a igualdade efectiva.
O importe final asignarase proporcionalmente á puntuación obtida por cada actividade.
💶 Xustificación e pagamento
A solicitude e a xustificación deberán presentarse de forma conxunta.
O pagamento será dun 70% do importe xustificado, ata o límite da contía concedida.
Os gastos deberán realizarse entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de cada ano da convocatoria.
Para máis información, pódese consultar a convocatoria completa publicada na web municipal e no Boletín Oficial da Provincia.




Comments