Ir o contido principal
irlanda

Aprobadas as bases das bolsas para o estudo de inglés en Irlanda 2026

A Deputación da Coruña vén de aprobar, mediante resolución da Presidencia, as Bases reguladoras das bolsas para o estudo do inglés en Irlanda 2026, unha convocatoria destinada a reforzar a formación lingüística do alumnado de 1º de Bacharelato da provincia.

A convocatoria, integrada no Plan Estratéxico de Subvencións 2025-2027, enmárcase no Obxectivo Estratéxico 7, orientado ao apoio e difusión da cultura e a formación no ámbito provincial.

60 bolsas para unha estadía de inmersión lingüística

O programa ofrece 60 bolsas en réxime de concorrencia competitiva, que cubrirán o 100% dos custos dunha estadía de catro semanas na República de Irlanda durante os meses de xullo ou agosto de 2026. As axudas inclúen viaxe, aloxamento en residencia de estudantes, manutención, clases intensivas de inglés (mínimo 15 horas semanais), actividades culturais e deportivas, asistencia e acompañamento permanente, ademais dun seguro de accidentes e responsabilidade civil.

As bolsas están configuradas como subvencións en especie, ao poñer á disposición das persoas beneficiarias todos os servizos incluídos no programa, cun valor máximo de 5.331,27 € por participante.

Requisitos das persoas solicitantes

Poderá optar a estas bolsas o alumnado que cumpra as seguintes condicións:

  • Estar matriculado/a en 1º de Bacharelato nun centro sostido con fondos públicos da provincia da Coruña (agás A Coruña, Santiago e Ferrol).

  • Residir e estar empadroado/a durante polo menos un ano ininterrompido nalgún concello da provincia (agás os tres municipios excluídos).

  • Non ter materias suspensas en 4º da ESO.

  • Obter 6 puntos ou máis en Inglés en 4º da ESO.

A selección realizarase segundo criterios académicos, situación económica e circunstancias sociofamiliares.

Solicitudes exclusivamente por vía telemática

O prazo de presentación abrirase coa publicación da convocatoria no BOP da Coruña. As solicitudes deberán tramitarse unicamente a través da sede electrónica SUBTEL da Deputación da Coruña, xunto coa documentación requirida. A tramitación será integramente telemática en todas as fases do procedemento.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar o texto íntegro das bases na sede electrónica provincial.

Comments