Fornelos de Montes abre o prazo para optar a unha praza de peón/peoa limpador/a mediante concurso-oposición
O Concello de Fornelos de Montes vén de publicar a convocatoria para cubrir unha praza de persoal laboral fixo, categoría Peón Limpador, mediante un proceso de concurso-oposición libre. A aprobación das bases realizouse a través do Decreto 2025-0143, de 9 de decembro de 2025, e o prazo para presentar solicitudes será de 20 días naturais a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial do Estado (BOE).
A praza convocada, incluída na Oferta de Emprego Público de 2025, corresponde a un posto de limpeza ao 100 % da xornada, con tarefas asociadas á limpeza de instalacións e edificios municipais, entre eles centros docentes.
Requisitos principais
As persoas interesadas deberán cumprir, entre outros, os seguintes requisitos:
-
Ter nacionalidade española, europea ou das permitidas pola normativa vixente.
-
Ter 16 anos cumpridos e non superar a idade de xubilación forzosa.
-
Estar en posesión do Certificado de Escolaridade ou equivalente.
-
Acreditar capacidade funcional para o desempeño das tarefas.
-
Non estar inhabilitado/a nin separado/a de ningunha Administración.
As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar adaptacións de tempo e medios.
Documentación e presentación
A solicitude deberá presentarse no modelo oficial incluído nas bases, xunto coa copia do DNI, do CELGA 2 (se o posúe) e da documentación acreditativa dos méritos para a fase de concurso. Poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou nas formas establecidas pola Lei 39/2015.
Proceso selectivo
O sistema de selección consta de dúas fases:
-
Concurso (máx. 5 puntos): experiencia profesional e cursos de formación relacionados coa limpeza.
-
Oposición (máx. 20 puntos):
-
Proba tipo test de ata 30 preguntas.
-
Suposto práctico ou tarefa manual relacionada co posto.
-
Proba de coñecemento de galego (non eliminatoria), da que estarán exentos/as quen presente o CELGA 2.
-
Os anuncios, listaxes de admitidos/as e sucesivas comunicacións publicaranse no BOP de Pontevedra, na Sede Electrónica municipal e no taboleiro de anuncios do Concello.
Información adicional
O tribunal cualificador, composto por cinco membros, será o encargado de valorar o proceso e publicar a relación final de persoas aprobadas. As persoas seleccionadas deberán achegar a documentación acreditativa dos requisitos no prazo indicado unha vez finalizado o proceso.
Para consultar as bases completas, cómpre remitirse aos textos publicados oficialmente no BOP, na Sede Electrónica e na web municipal.




Comments