O Concello de Pontevedra convoca as probas para obter o certificado de aptitude profesional para conducir taxi
O Concello de Pontevedra vén de aprobar a convocatoria e as bases reguladoras do proceso para a obtención do certificado de aptitude profesional para a prestación do servizo de taxi, unha acreditación obrigatoria para poder exercer como persoa condutora de taxi no municipio, tanto en réxime autónomo como asalariado.
Esta convocatoria dá cumprimento ao establecido na Lei 4/2013, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e no seu regulamento de desenvolvemento, que recollen a necesidade de contar cunha capacitación profesional acreditada mediante un certificado expedido polos concellos.
O proceso selectivo axustarase aos principios de mérito, capacidade, igualdade e publicidade, e permitirá acreditar os coñecementos necesarios para o exercicio da profesión, como o coñecemento do termo municipal, a normativa do servizo de taxi, as tarifas vixentes, nocións básicas de primeiros auxilios, atención ás persoas usuarias —especialmente ás que teñen mobilidade reducida— e a competencia no uso das linguas galega e castelá.
Requisitos e solicitudes
Poderán participar no proceso as persoas que estean en posesión do permiso de conducir da categoría B ou superior, con polo menos un ano de antigüidade, que non teñan antecedentes penais relacionados coa seguridade viaria ou a violencia, e que acrediten coñecementos das dúas linguas oficiais de Galicia.
As solicitudes deberán presentarse no prazo de 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, ben de maneira presencial no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal.
Probas e vixencia do certificado
O proceso constará dunha proba tipo test eliminatoria, centrada no temario oficial, e dun exame de competencia lingüística en galego e castelán, do que estarán exentas aquelas persoas que acrediten documentalmente os niveis esixidos.
Unha vez superadas as probas, o Concello expedirá de oficio o certificado de aptitude profesional, que terá unha vixencia de cinco anos. No caso das persoas que xa estean en activo, o prazo comezará a contar desde o cesamento da actividade.
Toda a información sobre a convocatoria, as bases reguladoras e o calendario do proceso estará dispoñible na sede electrónica do Concello de Pontevedra. BOPPO




Comments