Ir o contido principal
DEPUTACION

A Deputación de Pontevedra convoca o programa Culturea 2026 con 1,2 millóns de euros para apoiar a promoción cultural

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases reguladoras do programa Culturea 2026, unha iniciativa consolidada de apoio á promoción cultural dirixida a agrupacións e asociacións sen fins de lucro, así como a entidades locais menores da provincia de Pontevedra. A convocatoria conta cun orzamento inicial de 1.200.000 euros, ampliable ata 100.000 euros máis, en función da demanda.

O programa ten como obxectivo fomentar o acceso á cultura popular galega e apoiar a realización de actividades culturais abertas ao público e de balde ao longo de todo o ano 2026, abrangendo disciplinas como a música, o teatro, a danza, as artes visuais ou a difusión do patrimonio cultural.

As entidades beneficiarias poderán solicitar actuacións de grupos, artistas e compañías incluídas no Catálogo Culturea, dispoñible na web da Deputación de Pontevedra. Este catálogo, creado en 2019 e actualizado periodicamente, recolle unha ampla oferta de propostas culturais da provincia. Só no ano 2025, o programa permitiu autorizar máis de 3.500 actuacións, contribuíndo á dinamización cultural e económica do territorio.

As actuacións subvencionadas deberán celebrarse na provincia de Pontevedra, ser de entrada libre e estar dirixidas ao público en xeral. A Deputación asumirá parte do caché das actuacións, con contías máximas que varían segundo a modalidade artística, podendo chegar ata os 800 euros no caso das bandas de música (grupo A).

As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra, cunha antelación mínima de 15 días naturais respecto da data da actuación. A concesión realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada, ata o esgotamento do crédito dispoñible, garantindo criterios de equilibrio territorial e diversidade cultural.

Toda a información sobre o programa, as bases completas e o procedemento de solicitude pode consultarse na web da Deputación de Pontevedra en www.depo.gal/culturea.

BOPPO

Comments