Ir o contido principal

O Concello da Veiga convoca un proceso selectivo para contratar persoal técnico de apoio á inclusión residencial

O Concello da Veiga vén de convocar un proceso selectivo mediante concurso de méritos para a contratación laboral temporal dun posto de persoal técnico de apoio á inclusión residencial, a tempo completo. Esta contratación enmárcase na execución da actuación “Persoas sen fogar – Inclusión residencial: Programa dirixido a persoas sen fogar II”, financiada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

A convocatoria oferta un único posto, cunha modalidade de contrato laboral temporal, vinculado á duración do programa, que se estenderá ata o 30 de abril de 2027. A persoa seleccionada desenvolverá a súa actividade en xornada completa, prestando apoio técnico ás accións municipais dirixidas á inclusión residencial de persoas sen fogar.

O sistema de selección establecido é o concurso de méritos, e o proceso permitirá tamén a creación dunha lista de agarda para futuras necesidades similares.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no prazo de dez días naturais contados desde o día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. A presentación poderá realizarse a través do Rexistro Electrónico Xeral do Concello da Veiga, no Rexistro Municipal, ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. No caso de utilizar un rexistro distinto ao municipal, será obrigatorio comunicar a presentación da solicitude o mesmo día mediante fax ou correo electrónico aos servizos sociais do concello.

As bases completas do proceso selectivo, xunto coa información detallada sobre os requisitos e a documentación necesaria, estarán dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello da Veiga, así como na súa páxina web e sede electrónica.

BOPOU

Comments