Ir o contido principal

O Concello da Veiga convoca un proceso selectivo para a contratación de persoal técnico de educación e apoio familiar

O Concello da Veiga vén de aprobar a convocatoria dun proceso selectivo mediante concurso de méritos para a contratación laboral temporal dun posto de persoal técnico de educación e apoio familiar, a tempo completo. A convocatoria foi autorizada por Resolución da Alcaldía do 2 de decembro de 2025.

Este posto enmárcase na execución da actuación “Familias en exclusión social – Programa de educación e apoio familiar IV”, unha iniciativa subvencionada polo Programa FSE+ Galicia 2021-2027, orientada a reforzar o acompañamento educativo e social de familias en situación de vulnerabilidade.

A convocatoria oferta un único posto, cun contrato laboral temporal vinculado á duración do programa, que se estenderá ata o 30 de abril de 2027. A persoa seleccionada desenvolverá as súas funcións en xornada completa, prestando apoio técnico especializado en educación e intervención familiar.

O sistema de selección establecido será o concurso de méritos e o proceso permitirá a creación dunha lista de agarda para cubrir posibles necesidades futuras.

O prazo para a presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. As solicitudes poderán presentarse a través do Rexistro Electrónico Xeral do Concello da Veiga, no Rexistro Municipal, ou por calquera dos medios previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. No caso de utilizar un rexistro distinto ao municipal, as persoas aspirantes deberán comunicar a presentación o mesmo día mediante fax ou correo electrónico aos servizos sociais do concello.

As bases completas, xunto co anuncio da convocatoria e os requisitos esixidos, estarán dispoñibles no taboleiro de anuncios do Concello da Veiga, así como na súa páxina web e sede electrónica.

BOPOU

Comments