Ir o contido principal

As Pontes convoca un proceso selectivo para cubrir un posto de orientador/a laboral no Programa Integrado de Emprego 2025/26

O Concello das Pontes de García Rodríguez vén de aprobar a convocatoria dun proceso selectivo para a selección dunha persoa funcionaria interina coa categoría de orientador/a laboral, no marco do Programa Integrado de Emprego dos concellos das Pontes, As Somozas e A Capela 2025/26. A convocatoria inclúe tamén a creación dunha lista de espera para esta categoría profesional.

O proceso foi autorizado mediante Decreto 2524/2025, do 5 de decembro, da concelleira-delegada da Área de Promoción Industrial, Xestión Económica, Emprego, Seguridade e Atención Cidadá. O programa, de carácter temporal, está subvencionado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e desenvólvese ao abeiro da normativa autonómica de programas integrados de emprego.

A convocatoria oferta un único posto, a xornada completa, cun nomeamento como persoal funcionario interino ata a finalización do programa, prevista para o 14 de outubro de 2026. O posto encádrase no subgrupo A2 (nivel 23) e está dirixido a persoas con titulación universitaria relacionada co ámbito laboral, xurídico, social ou psicolóxico, que conten ademais co CELGA 4 ou equivalente.

O sistema de selección será o de concurso-oposición libre, motivado pola urxencia na cobertura do posto. As funcións principais da persoa orientadora estarán centradas na orientación laboral, intermediación no mercado de traballo e elaboración de perfís profesionais das persoas participantes no programa.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía electrónica a través da sede electrónica do Concello das Pontes de García Rodríguez, non admitíndose a presentación presencial.

As bases completas da convocatoria, xunto coa información detallada sobre requisitos, fases do proceso selectivo e documentación necesaria, estarán dispoñibles no taboleiro electrónico e na páxina web municipal.
 

BOPCORUÑA

Comments