Ir o contido principal
investigación

Aberta a convocatoria das bolsas de investigación 2026 para persoas mozas tituladas da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria das bolsas de investigación para o ano 2026, destinadas a apoiar o talento investigador mozo e fomentar proxectos de interese para a realidade social, cultural, económica e política de Galicia.

A convocatoria contempla a concesión de 20 bolsas en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a persoas con titulación universitaria menores de 36 anos e residentes na provincia da Coruña. Os proxectos de investigación deberán desenvolverse durante o período 2026-2027, cunha duración mínima de nove meses, e poderán solicitar unha prórroga de ata seis meses.

Distribución das bolsas por áreas de coñecemento

As bolsas repártense entre cinco grandes áreas:

  • Artes e humanidades: 5 bolsas

  • Ciencias: 4 bolsas

  • Ciencias da saúde: 4 bolsas

  • Ciencias sociais, xurídicas e estudos de xénero: 5 bolsas

  • Enxeñaría e arquitectura: 2 bolsas

Cada bolsa conta cunha dotación económica de 10.000 euros, cun investimento total de 200.000 euros.

Persoas destinatarias

Poderán solicitar estas bolsas as persoas que cumpran, entre outros, os seguintes requisitos:

  • Ter menos de 36 anos ao remate do prazo de solicitudes.

  • Posuír titulación universitaria oficial.

  • Acreditar residencia na provincia da Coruña cunha antigüidade mínima dun ano.

Cada persoa poderá presentar unha única solicitude e non poderán concorrer aquelas que xa fosen beneficiarias destas bolsas en tres convocatorias anteriores.

Prazo e presentación de solicitudes

O prazo de presentación estará aberto do 16 de marzo ao 16 de abril de 2026 ata as 14:00 horas. As solicitudes deberán presentarse exclusivamente por vía telemática a través da plataforma SUBTEL da sede electrónica da Deputación da Coruña.

O proxecto de investigación será un elemento clave na avaliación e deberá presentarse preferentemente en lingua galega.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña reafirma o seu compromiso co apoio á investigación e coa xeración de coñecemento útil para a sociedade galega, promovendo ao mesmo tempo oportunidades para a mocidade titulada.

BOPCORUÑA

Comments