Ir o contido principal
axudas

O Concello das Pontes abre as axudas 2025 para organizar eventos deportivos que impulsen o turismo e a natureza

O Concello das Pontes de García Rodríguez vén de publicar as Bases da convocatoria para a concesión de subvencións dirixidas a entidades e clubs deportivos para a organización de eventos deportivos-turísticos en concorrencia competitiva durante o ano 2025.

Estas axudas enmárcanse dentro da liña de Turismo e teñen como finalidade impulsar o deporte como ferramenta de promoción turística e natural da vila e da súa contorna, contribuíndo á difusión de espazos emblemáticos como o Lago das Pontes e outros lugares de interese da bisbarra.

A convocatoria está destinada exclusivamente a entidades e clubs deportivos legalmente constituídos, sen ánimo de lucro e con domicilio fiscal e social no Concello das Pontes, quedando excluídas as sociedades anónimas deportivas.

Principais requisitos

  • Estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e no Rexistro de Asociacións do Concello.

  • Non ter sido beneficiarias doutras axudas do Concello para actividades deportivas en concorrencia competitiva na anualidade 2025 nin ter subvencións pendentes de xustificación.

  • Presentar a solicitude para un único evento puntual, acreditando o seu interese turístico e deportivo a través do número de inscricións e o impacto mediático en redes sociais ou publicacións especializadas.

  • Achegar un orzamento no que como mínimo o 5% do custo total sexa financiado con recursos propios da entidade.

Gastos subvencionables

A convocatoria financiará gastos correntes directamente vinculados ao evento, excluíndo bens inventariables e gastos xerais da entidade. Os conceptos admitidos inclúen, entre outros:

  • Compra de material deportivo non inventariable (conta 600)

  • Servizos e traballos contratados a outras empresas (607 e 607.1)

  • Arrendamentos de instalacións, maquinaria ou vehículos (621)

  • Honorarios profesionais (623)

  • Transportes, seguros de responsabilidade civil, publicidade, avituallamento, aloxamento, premios, arbitraxes ou gastos de colaboración, entre outros.

Obrigas das entidades beneficiarias

Os clubs que reciban a subvención deberán:

  • Utilizar o idioma galego en toda a comunicación do evento (soportes e locucións verbais).

  • Incluír o escudo do Concello das Pontes ou a imaxe corporativa da Área de Turismo, que será facilitada pola institución local.

  • Garantir o cumprimento da normativa de igualdade, empregando linguaxe inclusiva e non sexista e promovendo a transversalidade de xénero.

  • No caso de participación de menores, asegurar que o persoal e o voluntariado cumpren coa Lei de Protección Xurídica do Menor e a Lei de Voluntariado.

As entidades interesadas xa poden consultar a convocatoria completa e preparar as súas solicitudes conforme aos prazos e procedementos establecidos nas bases oficiais.

BOP CORUÑA

Comments