Baiona convoca o Concurso de Comparsas de Entroido 2026 cun orzamento de 6.500 euros en premios
O Concello de Baiona vén de aprobar as bases reguladoras do Concurso de Comparsas de Entroido 2026, unha cita xa consolidada no calendario festivo da vila, que repartirá un total de 6.500 euros en premios e axudas á participación.
O certame, organizado pola Concellería de Cultura, está dirixido a comparsas formadas por un mínimo de 12 persoas, tanto asociacións legalmente constituídas como grupos informais, e terá lugar o sábado 7 de febreiro de 2026, coincidindo co tradicional desfile de Entroido e o posterior Enterro da Sardiña.
O prazo de inscrición abrirase ao día seguinte da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, a través da BDNS, e permanecerá aberto ata o 2 de febreiro de 2026. As persoas físicas poderán presentar a súa solicitude de maneira presencial ou electrónica, mentres que as persoas xurídicas deberán facelo obrigatoriamente a través da Sede Electrónica do Concello de Baiona.
O concurso establece un límite máximo de 20 comparsas participantes, que serán admitidas por rigorosa orde de rexistro, tendo preferencia as do propio municipio. En canto aos premios, o primeiro clasificado recibirá 900 euros, seguido de 650 euros para o segundo, 500 euros para o terceiro, 400 euros para o cuarto e 300 euros para o quinto. Ademais, as comparsas non premiadas poderán percibir axudas por participación e desprazamento, en función do número de integrantes.
O xurado valorará aspectos como o vestiario, a orixinalidade, a actitude no desfile, a creatividade da exhibición e o número de compoñentes, cun máximo de 100 puntos. A entrega de premios realizarase no Paseo Ribeira, unha vez rematado o Enterro da Sardiña.
Desde o Concello de Baiona anímase á mocidade e ao tecido asociativo a participar nesta iniciativa, que promove a creatividade, a participación cultural e o espírito festivo do Entroido.




Comments