Padrenda abre o prazo para optar a unha praza fixa de arquitecto/a técnico/a a media xornada
O Concello de Padrenda publicou a convocatoria para a contratación dunha praza de persoal laboral fixo de arquitecto/a técnico/a a media xornada, incluída na Oferta Pública de Emprego de 2024, co obxectivo de reforzar o servizo municipal de Urbanismo.
Esta convocatoria está dirixida a titulados e tituladas en Arquitectura Técnica ou titulación superior que desexen acceder a un posto estable na administración local, cunha xornada compatible con outras actividades profesionais. A praza ofertada conta cunha retribución bruta mensual de 1.500 euros, ademais de dúas pagas extraordinarias ao ano, e inclúe a posibilidade de recoñecemento de antigüidade.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude no Rexistro Electrónico do Concello de Padrenda ou por calquera dos medios previstos na normativa vixente.
Entre os requisitos principais figuran: estar en posesión da titulación de Grao ou Licenciatura en Arquitectura Técnica (ou superior), ter cumpridos 16 anos e non superar a idade máxima de xubilación forzosa, contar co carné de conducir tipo B en vigor e acreditar coñecementos de lingua galega cun nivel mínimo de CELGA 4 ou equivalente. No caso de non poder acreditar este último requisito, será obrigatoria a superación dunha proba específica de idioma galego.
As bases completas da convocatoria, co detalle do proceso selectivo, fases de oposición e concurso, así como o modelo de solicitude, poden consultarse na sede electrónica do Concello de Padrenda, no apartado de Transparencia, onde permanecerán accesibles durante todo o procedemento.




Comments