Ir o contido principal
bailar

Máscaras que bailan nos rituais do tempo cíclico

Con motivo do mes da danza, o Museo do Pobo Galego organiza unha nova edición da xornada A voltas co baile, acompañada da actividade Petís a voltas. Entroidanzas, nunha proposta dobre que convida a achegarse ao universo das máscaras e do Entroido a través da danza.

 

Na súa décimo cuarta edición, A voltas co baile centrarase nas Máscaras que bailan nos rituais do tempo cíclico, en diálogo coa exposición temporal MASKS. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II. A actividade celebrarase o sábado, 11 de abril, en horario de mañá a partir das 10 horas no Auditorio do Museo do Pobo Galego. O programa pon o foco nos momentos de transición do ciclo anual, principalmente o do inverno, asociados ás diversas mascaradas da Península Ibérica e doutras áreas de Europa presentes na mostra.

 

Nestes contextos rituais, moitas máscaras executan bailes ou danzas de moi diversa natureza. Así, dise que unha máscara está "bailada" cando participou do rito para o que foi creada e que se transmitiu de xeración en xeración.

 

Ao longo da xornada afondarase nas manifestacións dancísticas vinculadas ás máscaras galegas que saen desde o solsticio de inverno até Entroido, establecendo comparacións coas doutras tradicións europeas. Ademais, abordarase o caso das Illas Canarias, onde existen expresións rituais de inverno menos coñecidas, a miúdo eclipsadas polos grandes desfiles de carnaval, nas que a danza ocupa un lugar central.

 

PROGRAMA

 

10:30 a 12:00 h. Rituais con danzas no entroido e nas mascaradas invernais: a cinemática do extraordinario. Co antropólogo Rafael Quintiá Pereira.

 

12:30 a 13:45 h. Máscaras, libreas e danzas: representación da loita do ben e do mal nas tradicións das Illas Canarias. Co historiador José Policarpo Martín Cruz.

 

A actividade é gratuíta, con inscrición previa a través do correo electrónico servizosdeac@museodopobo.gal

 

Máis información na web do Museo do Pobo Galego.

Comments