Arteficial celebra 20 anos de cultura alternativa no rural cunha programación expandida por Galicia
O 20 aniversario do festival celebrarase os días 4 e 5 de setembro en Ribadavia, acompañado dunha xira previa por distintos territorios
Ribadavia, 09/04/2026 — O 20 aniversario do Festival Arteficial celebrarase os vindeiros 4 e 5 de setembro de 2026 en Ribadavia, e conta xa co apoio do Concello de Ribadavia e da Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude), ademais da colaboración
do Museo Etnolóxico, Estrella Galicia, Bodegas Gallegas (Gran Alanís), Destilerías Miño e Povarelo.
Pero antes desa data central, e como forma de quecer motores e celebrar por todo o alto dúas décadas de traxectoria, o colectivo impulsa unha programación expandida en forma de xira, que percorrerá distintos puntos de Galicia nos meses previos.
Arteficial cumpre así 20 anos nos que levou a música e a creación contemporánea desde o rural galego a distintos puntos de Galicia, Portugal e espazos de ámbito estatal, consolidándose como unha iniciativa de referencia na defensa do acceso á cultura alternativa fóra dos grandes núcleos urbanos.
Lonxe de formular esta efeméride como unha celebración puntual, o colectivo propón unha celebración estendida no tempo e no territorio, que busca compartir a súa identidade, a súa rede e a súa maneira de facer con novos públicos, sen perder o vínculo coa súa orixe.
“Arteficial non é só un festival: é unha maneira de facer, de coidar, de resistir e de celebrar”, sinalan desde a organización.
Unha xira para celebrar o construído e proxectar o futuro
Como parte desta 20ª edición, Arteficial presenta unha serie de concertos en colaboración con diferentes colectivos e espazos culturais, reforzando a súa aposta polo traballo en rede.

A banda francesa Mad Foxes será protagonista de tres datas clave:
● 12 de xuño — Abadía da Cova (O Saviñao, Ribeira Sacra)
● 13 de xuño — Surfing The Lérez (Pontevedra)
● 14 de xuño — Club Clavicémbalo (Lugo) (10€ — entradas en www.ingresse.com)
Estas citas desenvólvense en colaboración con A Seara Records, Facela Fest, Surfing The Lérez, Abadía da Cova, Adegas Moure e Bullet Seed, evidenciando o ecosistema cultural que Arteficial contribuíu a tecer ao longo dos anos.
Volver á casa: concertos na contorna de Ribadavia
A celebración tamén mira cara ao territorio máis próximo. Arteficial organiza unha fin de semana especial na contorna de Ribadavia coas bandas DELOBOS e Todas Las Batallas Perdidas, poñendo en valor os espazos culturais de proximidade:
● 29 de maio — Café Cultural Auriense (Ourense) (10€ — entradas en www.woutick.es)
Ese mesmo día, a programación complétase cunha proposta paralela:
● 19:30 — Secret Bridge (pinchada a cargo de David Diz)
● El Pueblo Café Cultural (sesión de Arteficial e artistas convidadxs)
● 30 de maio — A Granxa D’Outeiro (Francelos) (10€ — entradas en www.woutick.es) Un concerto nun enclave singular, en contacto directo coa natureza e a comunidade.
20 anos de comunidade, relevo e resistencia cultural
Ao longo destas dúas décadas, Arteficial contou con máis dun cento de bandas e artistas de diferentes disciplinas, construíndo un colectivo vivo, con relevo xeracional constante e unha identidade marcada pola autoxestión, a colaboración e o arraigamento territorial.
Esta programación especial non só conmemora o camiño percorrido, senón que reforza unha idea central:
a cultura no rural non só é posible, senón necesaria.
Con esta xira e o festival de setembro, Arteficial convida ao público a formar parte dunha celebración colectiva que non mira só ao pasado, senón que activa o presente e proxecta o futuro.
“Seguimos. E celebrámolo como se fose a última vez.”




Comments