Ir o contido principal

Mondariz convoca unha praza de técnico/a de medio ambiente e xestión de residuos

O Concello de Mondariz aprobou a convocatoria e as bases reguladoras para cubrir unha praza de técnico/a de medio ambiente e xestión de residuos, pertencente ao grupo A2 e con nivel 20 de complemento de destino.

A selección realizarase mediante o sistema de oposición libre e a praza está incluída na Oferta de Emprego Público de 2024.

Entre as funcións do posto destacan a xestión técnica e administrativa de expedientes ambientais, o seguimento da compostaxe comunitaria e dos composteiros individuais, a elaboración de informes e estudos sobre residuos, así como tarefas de inspección ambiental e atención á cidadanía.

As persoas aspirantes deberán contar coa titulación universitaria requirida nas áreas de bioloxía ou enxeñerías técnicas relacionadas co medio ambiente, ademais de cumprir os requisitos xerais de acceso ao emprego público. Tamén deberán acreditar o nivel Celga 4 de galego ou realizar a proba correspondente.

O proceso selectivo constará de catro exercicios: un test teórico, un desenvolvemento escrito de temas específicos, un suposto práctico e unha proba de galego para quen non acredite a exención.

As solicitudes poderán presentarse durante un prazo de 20 días naturais desde o día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no BOE. A documentación deberá entregarse no rexistro do Concello de Mondariz segundo o modelo oficial establecido nas bases.

A convocatoria prevé ademais a creación dunha bolsa de emprego temporal coas persoas aspirantes que superen o proceso selectivo e non obteñan praza.

 

BOPPO

Comments