Ir o contido principal

O Concello de Friol convoca unha praza de peón de obras e servizos múltiples ao abeiro do Programa Reforzo do Emprego 2026

O Concello de Friol abriu o proceso selectivo para a contratación dunha persoa como peón de obras e servizos múltiples, na modalidade de funcionaria/o interina/o para a execución de programas de carácter temporal, ao abeiro do Programa Reforzo do Emprego do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2026.

A contratación terá unha duración de 12 meses a xornada completa e realizarase mediante o sistema de concurso-oposición.

Entre os requisitos para participar figuran ter máis de 16 anos, permiso de conducir tipo B, estar en situación de desemprego ou mellora de emprego e acreditar o coñecemento do galego no nivel Celga 2, ou superar unha proba específica de idioma galego.

Non se esixe titulación académica específica para optar á praza.

O proceso selectivo constará dunha fase de oposición, cun exame teórico tipo test e unha proba práctica relacionada co manexo de maquinaria e ferramentas propias do posto, e dunha fase de concurso na que se valorará a experiencia profesional e a formación relacionada co emprego.

As solicitudes deberán presentarse no prazo de cinco días hábiles desde a publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. A documentación e o modelo de solicitude están dispoñibles na sede electrónica do Concello de Friol.

A convocatoria completa tamén poderá consultarse no taboleiro de anuncios municipal e na sede electrónica do Concello.

Comments