Muras convoca axudas ao estudo para o curso 2025-2026
O Concello de Muras aprobou as bases reguladoras da convocatoria de axudas a estudantes para o curso 2025-2026, destinadas a apoiar ás familias do municipio nos gastos derivados da educación e favorecer a igualdade de oportunidades.
A convocatoria conta cunha partida orzamentaria de 12.000 euros e inclúe axudas para libros e material didáctico, transporte e alugueiro, conexión a internet e, como novidade este ano, unha liña específica para estancias de estudos no estranxeiro.
As axudas están dirixidas a alumnado de educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, educación especial e estudos universitarios.
Entre as contías previstas destacan:
- Ata 75 euros para alumnado de infantil e primaria.
- Ata 250 euros para alumnado de ESO e educación especial.
- Ata 400 euros para bacharelato.
- Entre 500 e 1.250 euros para estudantes universitarios e de formación profesional, segundo os ingresos familiares.
- 130 euros para gastos de conexión a internet en todas as etapas educativas.
- 1.500 euros para estancias de estudos no estranxeiro en programas oficiais de intercambio.
Poderán beneficiarse destas axudas os estudantes empadroados no Concello de Muras cunha antigüidade mínima dun ano e que cumpran os requisitos académicos e administrativos establecidos nas bases.
As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica municipal:
Sede electrónica do Concello de Muras
O prazo de presentación será de vinte días naturais contados desde o día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
O Concello destaca que esta iniciativa busca compensar as desigualdades económicas e territoriais, especialmente no ámbito rural, contribuíndo a garantir o acceso á educación en igualdade de condicións.




Comments